Tuesday 30 de April de 2024

San Sadurniño completa o cupo para a primeira quenda da Aldea de Verán


A área de Servizos sociais e Igualdade acaba de publicar a adxudicación de prazas para a quenda do mes de xullo do programa de conciliación Aldea de Verán. En total admitíronse 46 solicitudes de familias do concello ou con algunha vinculación co territorio acreditada documentalmente cando se presentou a instancia, ben fose de tipo laboral ou por ter a rapazada matriculada no CPI. As seis peticións que quedaron fóra pasarán formar parte dunha lista de agarda por se se producisen baixas. As familias que contan con praza poden efectuar xa o pagamento do servizo elixido e, ademais, están convocadas a unha xuntanza informativa sobre o programa que terá lugar na Casa da Xuventude o xoves 28 de xuño ás 19.30h.

Segundo os datos facilitados por Servizos sociais e Igualdade, para este primeiro mes da Aldea de Verán recibíronse 52 solicitudes. 32 delas foron de familias de San Sadurniño, 4 de familias que acreditaron vinculación laboral co municipio e 10 referidas a menores con matrícula no colexio público. As seis restantes que formarán parte da lista de agarda quedaron excluídas do cupo ofertado por non ter demostrada a súa relación de tipo laboral ou escolar co concello, independentemente de que algunhas delas fosen as primeiras en ser entregadas no rexistro.

O programa busca ofrecerlle á rapazada de entre 3 e 12 anos un espazo de lecer e educación durante as vacacións do verán, ao tempo que lles axuda ás familias a combinar traballo e coidado dos nenos e nenas neses dous meses en que están na casa. O horario global é de 8.30 a 14.30 horas de luns a venres dividido en dúas quendas: unha de 8.30 a 10 e outra de 10 a 14.30 horas. Na primeira quenda haberá un monitor ou monitora e na segunda incorporaranse ao servizo outras dúas persoas, que se encargarán da organización dos xogos e outras actividades de lecer e aprendizaxe, moitas delas ao aire libre cando o tempo o permita. A quenda do mes de xullo botará a andar o martes 3.

Desde a primeira semana de xullo tamén estará aberto o prazo para presentar as solicitudes para a Aldea de Verán do mes de agosto. Poderanse achegar as instancias desde o 2 ata o 16 de xullo través da Sede Electrónica do Concello e desde o 3 ata o 16 de xullo de forma presencial a través do rexistro municipal.

Para a quenda de agosto volven ofertarse 45 vacantes, aínda que cómpre ter en conta que as familias empadroadas no concello tiveron a posibilidade de reservar praza para a segunda parte do programa no momento de solicitar a inscrición para a quenda de xullo. En calquera caso o Concello publicará con posterioridade ao peche das inscricións un listado onde se farán constar tanto as circunstancias da admisión como as posibles exclusións que, de igual modo, formarán parte dunha lista de agarda por se houbese baixas.

Toda a documentación está dispoñible -folla de solicitude e anexos- está dispoñible na web municipal sansadurnino.gal

AXENDA DE EVENTOS PARA OS PRÓXIMOS DÍAS

Sábado 23 de xuño, 10.00h.: Ruta de sendeirismo por Naraío
A ruta sairá do local social da parroquia e dará unha volta duns 15 quilómetros subindo á Louseira, pasando logo ao Forgoselo e collendo despois polo sendeiro do Castro con rumbo de novo ao local social.

Ofértanse un máximo de 50 prazas que se cubrirán por orde de inscrición, que deberá facerse na Casa da Cultura como moi tarde o xoves 21 ás 14.00h. Pola distancia e polo trazado en si, na actividade só poderán participar persoas maiores de 9 anos e que, en calquera caso, teñan costume de andar.

Recoméndase levar roupa transpirable, calzado cómodo -que non sexa de estrea e que protexa os nocellos-, e tamén auga e produtos comestibles de pequeno tamaño e alto valor enerxético, como por exemplo barriñas de cereais.

Para obter máis información sobre a actividade ou facer a inscrición pódese contactar co técnico de Cultura a través do correo agustin.perez@sansadurnino.gal, chamar á Casa da Cultura -981 490 027 ext. 2- ou pasar por alí en horario de mañá.

Sábado 23 de xuño, 12.30h.: Concerto de música clásica na Casa da Cultura
Concerto dos alumnos e alumnas da escola de música de cámara do profesor Ilia Keilin, que amosarán unha parte do seu traballo realizado o longo deste ano. Dirixido a alumnado de Ed. Primaria do C.P.I de San Sadurniño
Sábado 23 de xuño, 18.00h.: San Xoán no local social de Naraío
A Asociación Veciñal O Castelo de Narahío volve organizar a súa tradicional Salta do San Xoán propoñéndonos un programa de actividades que comezarán a iso das 18.00h. cun obradoiro dirixido á rapazada no que se recollerán flores e plantas aromáticas para decorar o local social da Veiga. Posteriormente, sobre as 22.00h. servirase unha cea a base de empanada, churrasco con patacas e crioulos, sobremesa e café.

Os prezos son de 10€ para persoas socias, de 15€ para non socias e de 5€ para a rapazada ata 11 anos. Para inscribirse hai que chamar antes do día 21 ao 981 490 302.

Sábado 23 de xuño, 21.00h.: San Xoán en Igrexafeita

A Asociación de Veciños “Adiante” de Igrexafeita tamén celebra a noite do lume do San Xoán arredor da mesa e con música. Ás 21.00h. servirán unha cea con sardiñas como prato principal que estará animada por Matiz. O prezo son 3€ para persoas socias e 5€ para non socias. Para anotarse hai que chamar ao 636 839 398 ou 696 912 975

Sábado 23 e domingo 24 de xuño: Festas do San Paio en Ferreira de Abaixo

O San Paio de Ferreira de Abaixo arranca o día 23 con misa solemne de mediodía, seguida da sesión vermú a cargo de Noche de Estrellas. A orquestra tocará tamén á noite, durante unha verbena na que estará acompañada do Grupo Pasión. O domingo só haberá sesión vermú trala misa oficiada na igrexa parroquial. O Grupo Antha ofrecerá un único pase antes de xantar.

Domingo 24 de xuño, 10.00h.: Mercado Local nos xardíns municipais

O Concello fixou a principios de ano o calendario de mercados locais, que quedou establecido nos últimos domingos dos meses de maio, xuño, xullo, setembro e outubro. Ademais, a área de Desenvolvemento local tamén busca enriquecer a variada oferta con actos culturais e de dinamización complementarios. Para este mercado de xuño contaremos coa animación de Pedro Brandariz e o seu espectáculo de rúa “Os outros feirantes”, inspirado no universo máxico de Álvaro Cunqueiro.

No mercado do día do San Xoán poderemos atopar nos xardíns municipais produtos de temporada e alimentos transformados, planta, artesanía e artigos de segunda man a moi bo prezo. O período de solicitude de participación para comerciantes está aberto ata este mércores, día 20 de xuño, presentando na Casa da Cultura ou no Rexistro municipal a ficha dispoñible en www.sansadurnino.gal. O listado de postos publicarase este xoves.

Luns 25 de xuño, 18.00h.: Charla sobre normativa forestal e de prevención de incendios na Casa da Cultura
A vaga de lumes de 2017 espertou o debate sobre a xestión forestal tanto na opinión pública como na axenda política. Neste sentido, a Xunta de Galicia anunciou que vai modificar o Plan forestal, e que vai exercer as súas competencias no sector con máis celo. Igualmente, o goberno galego aprobou nos últimos meses unha serie de textos legais que veñen modificar a normativa do sector forestal.

A Lei 5/2017, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, modificou o referente ás autorizacións de corta e a Lei 9/2017, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, veu mudar a antiga lei de prevención dos incendios, variando distancias e requisitos nas franxas de protección.

Debido a que o forestal é un dos sectores máis importantes do municipio, vaise organizar unha charla informativa sobre a repercusión destes cambios lexislativos e sobre cal ser a política de control da Xunta para que se cumpra a normativa.

Na charla do luns 25 de xuño contaremos con persoal técnico do Distrito forestal de Ferrol, que é o organismo encargado da xestión das autorizacións e do control das medidas contraincendios.